Tuesday 14 de May de 2024

Máis de 600 persoas participarán na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes e na I Andaina contra o Cancro


 

Ambas as probas terán lugar este vindeiro domingo ao longo de toda a mañá

Máis de 600 persoas participarán este próximo domingo na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes e na I Andaina Popular Contra o Cancro. Concretamente hai que falar de 263 corredoras e corredores adultos e 138 menores inscritos na carreira, a cal forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. No caso da andaina, actividade organizada en colaboración coa xunta local da AECC, son 213 as persoas participantes.

A primeira carreira será a das categorías Sub14 e Sub16 (2.150 metros) e dará comezo ás 10 horas. Ás 10.10 horas terá lugar a saída da andaina (4.200 m) e ás 10.30 horas a da carreira dos baby e prebenxamíns (400 m). O disparo de saída para a proba absoluta será ás 11.20 horas, a cal engloba as categorías Sub18, Sub20, Sub23, Sénior e Máster (8.300 m). Os últimos serán os atletas Sub10 e Sub12, que empezarán a competición ás 11.30 horas (1.000 m). Dado o elevado número de participantes dende a organización recoméndase puntualidade para a recollida de dorsais, a cal dará comezo a partir das 9 horas, especialmente no caso das persoas participantes nas probas cuxas saídas van dende as 10 ata as 10.30 horas.

Premios en metálico
Os premios en metálico serán de 150, 80 e 50 euros para os primeiros clasificados na proba absoluta (varóns e mulleres) e tamén para os clubs federados. No caso dos grupos do municipio as contías serán de 150, 100 e 50 euros. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, para as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes da carreira SUB 18, SUB 20 SUB 23 Sénior e Máster. Na proba absoluta tamén se lles outorgará trofeo aos tres primeiros clasificados do Concello e aos participantes máis novo e veterano de cada categoría que cheguen á meta. Os trofeos non serán acumulativos.

Nesta ocasión a cita ten un marcado carácter solidario. A recadación das inscricións pola andaina doaranse integramente á xunta local ordense da AECC. Tamén se destinará a tal fin 1 euro por cada unha das inscricións da carreira popular. Outro xeito de colaborar é realizando achegas económicas no chamado ‘Dorsal 0’ a través da web www.carreirasgalegas.com, ou ben mercando a camiseta da AECC, as cales se poden adquirir non bar Saloon ou ben o mesmo día da andaina.

Como de costume habilitaranse duchas na piscina municipal do Muíño, ademais de dispensarse avituallamento e unha camiseta a todas e todos os atletas que conclúan a proba.
Para calquera aclaración pódese chamar ao 981680002 (ext.5) ou ben consultar as páxinas www.ordes.gal, www.carreirasgalegas.com e www.atletismo.gal.